|
Cando ti naciches
o mundo xa era mundo...

Introdución | Tarefa | Proceso | Recursos | Avaliación | Conclusión | Créditos
Introdución
Xa celebraches unhas cantas veces o día do teu aniversario, pero probablemente descoñezas moitos dos acontecementos que sucederon cando ti naciches e nos anos inmediatamente posteriores, porque daquela... o mundo xa che era mundo!!!
A ver, sabes que ía ver a xente ao cine? Cales eran as cancións de moda? Que estaba pasando en España e Europa? Ou como lle ía á literatura galega?
Pois vas investigar estes asuntos en Internet. Porque agora ti tamén formas parte do mundo.

A tarefa
Isto é unha webquest, de xeito que Internet vai ser a túa principal fonte de información. A túa primeira misión consiste en realizar as tarefas que se indican a continuación, ao mesmo tempo que navegas pola rede mundial.
As tarefas son:
- Explicar o significado do teu nome.
- Descubrir algúns dos acontecementos sucedidos na época do teu nacemento.
- Informarte sobre o que era noticia no mes do ano no que naciches.
- Investigar sobre a literatura que se publicou nesa época.
- Buscar os títulos de películas e cancións que destacaron na década do teu nacemento.
- Elaborar un informe escrito e persoal que recolla con claridade toda esta información.
Se o precisas tamén poderás utilizar outras ferramentas (ex., dicionarios, enciclopedias) para terminar algunha das tarefas citadas.
O proceso
Para realizar este traballo, cales son os pasos que debes seguir? Fíxate ben. De entrada, realizaredes o traballo en grupos pequenos, que se formarán atendendo ás instrucións que recibiredes no seu momento. Cada grupo desenvolverá a súa investigación de maneira libre e cooperativa e solicitaredes toda a axuda que sexa necesaria.
A resolución das diferentes actividades segue este proceso:
-
1ª actividade: Busca e explica a orixe e o significado do teu nome. Se che apetece podes incluír algunha curiosidade a maiores. Esta información terás que presentala en forma de ficha.
-
2ª actividade: Localiza tres acontecementos destacados a nivel mundial que se produciran no ano do teu nacemento.
-
3ª actividade: Infórmate sobre os principais feitos ocorridos no estado español na década do teu nacemento. Esta información e mais a do exercicio anterior deberás presentala conxuntamente en forma de esquema.
-
4ª actividade: Busca titulares de noticias do mes do teu nacemento. Escolle dúas noticias de distintas semanas e resúmeas (máximo 5 liñas cada unha).
-
5ª actividade: Investiga cantos libros en galego se publicaron nese ano e logo escolle 10 títulos de literatura de autores/as galegos/as. Despois localiza 3 títulos de obras traducidas. Debes elaborar dúas listas coas citas bibliográficas completas; na das traducións tes que incluír tamén a lingua de procedencia.
-
6ª actividade: Elabora unha lista que conteña cinco títulos de discos e outras tantas películas destacados na década do teu nacemento. Engade unha valoración xeral sobre o tipo de música e cine que triunfaba daquela.
Para atopar toda a información que se vos pide, cada grupo accederá on-line (é dicir, por medio de Internet) aos recursos que están xa seleccionados no apartado seguinte. Debes ir tomando nota de todo o que che interese. Este material será o que che sirva de base para a elaboración do informe individual que deberás presentar ao rematar esta experiencia dentro do prazo que se estableza.
O traballo deberá contar cunha portada e un índice, ademais de toda a información especificada anteriormente. Permítese o uso de gráficos, fotografías e outros recursos que consideres que melloran a súa presentación. E non te esquezas de que a corrección ortográfica, a coherencia e a precisión léxica son partes fundamentais no teu informe.
Recursos
A información podes conseguila dos sitios de Internet que che ofrecemos. Preme co rato nos enlaces para acceder a ela.
O significado dos nomes I
O significado dos nomes II
O significado dos nomes III
O que pasaba no mundo
O que pasaba no estado español
As noticias da época
Literatura
Os discos dos 90
As películas dos 90
Se non aparece o que desexas nas páxinas web anteriores, emprega esta ferramenta para buscar por palabras clave.

Avaliación
A avaliación das tarefas realizadas e de todo o proceso deste traballo, tanto a nivel individual como en grupo, analizará os seguintes aspectos:
|
|
Incompleto
|
Medio
|
Ben
|
Excelente
|
|
Organización e traballo
en equipo:
3 puntos
|
Cada membro do equipo realiza as súas tarefas sen ter en conta aos demais.
|
Hai pouca colaboración entre os membros do equipo.
|
Colaboran sen moitas dificultades na realización das tarefas.
|
Colaboran axeitadamente nas tarefas e o traballo repártese de maneira equitativa.
|
|
Busca e manexo da información:
3 puntos |
Algúns temas non se buscaron ou buscáronse mal.
|
Tratáronse todos os temas pero con respostas erradas, mal organizadas ou incompletas.
|
Tratáronse todos os temas, pero expuxéronse literalmente, sen achegas persoais.
|
Tratáronse adecuadamente todos os temas, con achegas e valoracións que melloran o traballo. |
|
Redacción e presentación do traballo:
4 puntos |
Moitos erros na presentación da información: tipo de texto, coherencia, cohesión, rexistro, ortografía...
|
Informe con algúns problemas de redacción e corrección.
|
Informe adecuado á tipoloxía textual. Poucos erros.
|
Informe sen erros, ben organizado e visualmente claro e traballado.
|
Conclusión
Esta webquest concibiuse fundamentalmente para realizar unha aplicación global dos distintos procedementos e estratexias que, ao longo do curso, se traballaron co alumnado en relación á expresión escrita.
Ademais disto, pretendeuse un achegamento ás novas tecnoloxías e ao mundo da información dixital, así como unha mellora da comprensión lectora e da busca e selección da información.
Créditos
O contido desta webquest foi elaborado por Rosa Salgueiro (rosasalgueiro@edu.xunta.es) a partir da adaptación da realizada por Mario Aller co título de O día do teu nacemento.
volver ao índice de materiais de lingua
|