uristas de palabra
 


Proceso e recursos

A clase dividirase en grupos-familia, segundo as indicacións que vos dea a profesora ou profesor. O voso traballo consta de dúas fases:

Elección do destino da vosa viaxe
Elaboración do folleto de viaxe para os visitantes

 

     








 
 

En cada unha delas tedes que realizar as actividades que se especifican máis abaixo na orde en que están expostas. Con todo, antes de comezardes a traballar convén que leades este apartado enteiro e mais os dous seguintes: avaliación e conclusión.

Fase 1: elección do destino da vosa viaxe

Actividade 1: Deberedes buscar información básica sobre os catro países dos que tedes ofertas de intercambio: Brasil, Irlanda, Arxentina e China. Para esta actividade traballaredes de xeito individual repartindo os países. Os datos sobre cada un deles obterédelos das páxinas web que se citan máis abaixo e, con eles, elaboraredes catro esquemas que conteñan os seguintes apartados:

Nome do país: ………………………

1. Situación xeográfica
2. Extensión e poboación
3. Clima
4. Moeda
5. Capital e principais cidades
6. Lingua(s) e cultura
7. Que hai que ver
8. Que se pode facer
9. Gastronomía
10. Outros datos de interese

Consultade e comparade a información de todas as páxinas web, non quededes co primeiro que atopedes, senón co mellor.
Tedes que realizar un esquema: tédeo en conta na selección da información e na redacción. De momento podedes redactalo en borrador, pero ao final deberedes entregalo xunto co folleto de viaxe.
No apartado 10 tedes liberdade para incluír algún dato que consideredes relevante.
Dispoñedes dunha sesión e media de clase para realizar esta actividade, a non ser que o voso profesor/a indique outro tempo.
Se o traballo dalgún integrante do grupo non está ben feito non poderedes realizar adecuadamente a seguinte actividade.

As páxinas que debedes consultar son as seguintes:

-Brasil: información xeral I , Brasil: información xeral II
-Irlanda: información xeral I, Irlanda: información xeral II, Irlanda: información xeral III
-Arxentina: información xeral I, Arxentina: información xeral II
-China: información xeral I, China: información xeral II

Actividade 2: Agora xuntarédesvos de novo en grupo e irédeslles expoñendo aos demais a información sobre o país que vos tocou; despois de explicar os datos xerais de cada destino, miraredes todos/as as fotos correspondentes nas seguintes ligazóns: Brasil, Irlanda, Arxentina, China. Ao rematardes cubriredes, de xeito consensuado e argumentado, unha ficha de valoración por país. A suma final da puntuación decidirá o voso destino. Para esta actividade dispoñeredes dunha sesión e media de clase.
En resumo, ao final desta fase deberedes ter elaborados os seguintes documentos:

  • Catro esquemas cos datos básicos dos países
  • Catro fichas de valoración dos países

Entregarádelos ao final de todo o proceso. Poderedes presentalos en papel ou en formato electrónico e tedes absoluta liberdade para engadir elementos gráficos se o considerades oportuno. Non esquezades nunca revisar e corrixir os textos.


 
 


Fase 2: elaboración do folleto de viaxe para os visitantes

Agora que xa tedes destino, deseñaredes un programa de vacacións inmellorable para os vosos hóspedes. Para iso, primeiro lede con moita atención os seus datos premendo no enlace correspondente: Brasil, Irlanda, Arxentina, China. Como vistes, os vosos visitantes queren coñecer Galiza e pasalo ben, pero tamén queren saber algo dun tema concreto. A vosa misión é compracelos. Ao rematar esta fase deberedes entregar un folleto de viaxe no que se inclúan os seguintes apartados:

  • Guía práctica para viaxar a Galiza
  • Información básica sobre o tema de interese dos vosos visitantes (sexualidade, música, agricultura ecolóxica ou moda, segundo corresponda)
  • Programa de viaxe para 15 días, con dous tipos de actividades: xerais, para coñecer Galiza; e específicas, relacionadas co seu tema de interese (mínimo unha, máximo tres).

Prestade atención ás seguintes recomendacións:

O programa ten que axeitarse aos vosos visitantes: hora de chegada e partida, preferencias, gustos, idade, cartos... As páxinas teñen moita información e posibilidades, así que, tomádeo con calma e aplicade o sentido común, seleccionando só os contidos relevantes. Para planificar os desprazamentos, lembrade que están aloxados na vosa casa, en Vila de Cruces.
Convén que elaboredes primeiro un borrador do folleto e, cando teñades clara a información que queredes incluír, darédeslle forma, atendendo de xeito especial á súa corrección e presentación. Poderedes incluír todos os elementos gráficos que desexedes, pero o folleto definitivo non debe superar as 10 páxinas, portada incluída.
O traballo poderase presentar de dúas formas diferentes; optaredes pola que vos indique a vosa profesora ou profesor:
-opción 1: presentación en papel, manuscrito ou escrito con ordenador.
-opción 2: formato electrónico; o folleto será un documento realizado nun procesador de textos ou unha presentación en diapositivas e enviarase por correo electrónico ao enderezo que facilite o profesorado.
Para cada actividade indicarásevos o tempo de que dispoñedes.
O resultado final do voso traballo non poderá ser adecuado se algunha persoa do grupo non realiza ben a súa parte.

Deseguido detállasevos o proceso que debedes seguir; lédeo completo antes de comezar a traballar para asegurarvos de que entendestes.

Actividade 1: Lede detidamente este folleto de viaxe. Pode servirvos de modelo para a elaboración do voso, aínda que este carece da parte dos intereses específicos dos visitantes. Se vos resulta máis cómodo podedes imprimilo.
Actividade 2: Agora elaboraredes a primeira parte do folleto, unha guía práctica de Galiza, adaptada aos vosos visitantes. Para consultar a información necesaria podedes empregar as guías turísticas da biblioteca do centro e tamén as seguintes páxinas: información práctica I e información práctica II. Para estas dúas actividades dispoñedes de clase e media e podedes repartir o traballo entre as distintas persoas do grupo.
Actividade 3: Para realizar esta actividade ides dividir o grupo en dous, de xeito que unhas persoas se ocupen do itinerario xeral e outras dos intereses específicos dos hóspedes. Redactaredes dous borradores e logo teredes que poñervos de acordo para xuntar todo e darlle a forma definitiva. Contades con tres clases para realizar esta parte.
O grupo que elabore o itinerario xeral atopará
a información necesaria nas seguintes ligazóns:

-Información turística xeral
-A Costa da Morte, as Rías Baixas e a Ribeira Sacra
-Santiago de Compostela , A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra

O grupo que se ocupe dos intereses específicos dos visitantes terá que converterse en "especialista" en música, moda, agricultura ecolóxica ou sexualidade, segundo o país. O seu traballo presenta dúas partes:
-Primeiro informádevos sobre o tema específico que vos correspondeu e elaborade unha síntese que non ocupe máis de 1 páxina.
-Despois tedes que propoñer como mínimo unha actividade e como máximo tres relacionadas co tema para incluír no programa de viaxe xeral (asistir a un concerto, realizar unha visita, participar nalgún obradoiro...).
As páxinas de información son as que se detallan a continuación:

Actividade 4: Debedes reunirvos de novo todas as persoas do grupo para poñer en común a información seleccionada e as propostas de actividades. Agora elaboraredes de xeito conxunto o folleto definitivo da viaxe. Non esquezades poñer especial coidado na coherencia, cohesión, adecuación e presentación dos vosos textos, ademais de vixiar a corrección gramatical e ortográfica. É conveniente que leades o apartado seguinte, o de avaliación, para informarvos de como se vai valorar o voso traballo. O voso profesor/a indicaravos o tempo de que dispoñedes e a data de entrega. Finalmente, ofrecémosvos algúns enlaces máis que vos poden dar ideas para mellorar o aspecto visual do voso folleto: vídeo Galiza terra única, fotos de Galiza e se precisades consultar como se escribe algunha palabra podedes atopar axuda aquí.