Visitantes
 


Brasil
Ides facer un intercambio con dúas mozas e dous mozos universitarios que viven en Salvador de Bahia. Nunca estiveron en Galiza, pero o que viron en internet pareceulles moi bonito e diverso. Gústanlles a arte, a natureza, camiñar, bailar, coñecer xente e a boa comida. Non lles encanta madrugar, pero cando estean aquí queren aproveitar o tempo. Non teñen demasiados cartos, polo que prefiren non durmir moitas noites fóra da vosa casa.
Pertencen a unha asociación xuvenil en Salvador e van abrir unha sección dedicada á información sobre sexualidade; así que tamén queren aproveitar a viaxe para saber como está este tema no noso país: que organizacións existen, como traballan, que tipo de servizos ofrecen...
Chegan o día 1 de xullo ás 12:00 da mañá á estación de tren de Santiago de Compostela e marchan o 31 de xullo ás 7:30 da mañá desde o aeroporto de Santiago.

     


Brasil

Irlanda

Arxentina

China




 
 


Irlanda
Unha moza e dous mozos de Dublín son os vosos visitantes. A música é a súa paixón, aínda que tamén lles gustan moito o sol, a praia, a arquitectura e a cervexa. Poden camiñar durante horas e quedar pasmados observando con detalle un monumento. Encántalles saír pola noite e coñecer xente. O único que saben de Galiza é que lles dixeron que se parece a Irlanda e queren comprobalo por si mesmos... Non é que sexan ricos, pero nesta ocasión non queren perder de facer cousas interesantes polos cartos.
Ademais de querer coñecer o noso país, senten un interese especial pola nosa música; en concreto, na rede escoitaron a dous grupos que lles chamaron a atención: Dios que te crew e The homens. Así que queren aproveitar a visita para saber todo o que poidan deles e mais doutros grupos actuais de hip hop e pop. E quen lles dera velos actuar!
Chegan o 1 de xullo ás 8:00 da mañá ao aeroporto de Santiago de Compostela e marchan o 31 de agosto ás 9:00 horas.

 
     
 
Arxentina
Os vosos visitantes son unha familia que vive en Buenos Aires. O pai e a nai xa están retirados e a filla é profesora de arte nun instituto. Están fartos dunha cidade tan grande, polo que van marchar vivir a unha casa que teñen no campo, onde pretenden montar unha explotación de agricultura ecolóxica. O pai xa estivo unha vez en Galiza, hai 25 anos, cun amigo galego e, dende entón, sempre quixo volver. Elas non a coñecen e queren aproveitar esta oportunidade antes de mudar de vida. Interésalles moito a arquitectura, pero tamén queren gozar do sol e a praia, tranquilamente. Prefiren non facer viaxes de moitos quilómetros no mesmo día.
Por internet souberon que aquí hai moitas explotacións ecolóxicas, así que pretenden aproveitar a visita para aprender sobre elas: como se xestionan as explotacións, que venden, se son rendibles, coñecer directamente algunha...
Chegan o 1 de xullo ás 14:00 horas ao aeroporto de Santiago de Compostela e teñen que regresar o 31 de xullo ás 7:30.

 
 


China
Os vosos visitantes son unha parella de Beijing con dous nenos de 12 e 14 anos. Esta é a súa primeira viaxe a Europa occidental e teñen moita ilusión. Souberon que existía Galiza cando abriron na súa cidade unha tenda de Zara; eles son propietarios dun pequeno comercio de roupa e todo o relacionado con este sector atráeos moito. Así que comezaron a aforrar para esta viaxe e aquí veñen, dispostos a gozar e a probar todas as cousas que lles dea tempo: paisaxes, monumentos, tendas, comida... interésalles todo. E moi particularmente interésalles a moda galega e ese éxito tremendo de Zara, polo que queren volver sabéndoo todo sobre este imperio...
Chegan o día 1 de xullo ás 7:00 da mañá ao aeroporto de Santiago de Compostela e regresan o 31 de xullo ás 14:00 horas.