Suxestións para o profesorado

 

Expoñemos a continuación unha serie de suxestións para traballar na aula a primeira parte deste material, posto que a webquest, pola súa propia natureza, xa inclúe todas as pautas necesarias.

 
Descrición das actividades
 


Presentan os seguintes trazos definitorios:

  • autónomas e independentes: aínda que están ordenadas de xeito lóxico e progresivo para abordar os diferentes contidos, pódese acceder a elas de xeito selectivo e conteñen todos os elementos necesarios para a súa resolución.
  • carácter práctico: a información teórica reduciuse ao mínimo indispensable e mesmo nalgúns casos obviouse por considerar que xa debe formar parte dos coñecementos previos do alumnado; daquela, os exercicios teñen un enfoque eminentemente práctico.
  • variada tipoloxía: procurouse diversificar o tipo de actividades, dentro das posibilidades dos programas empregados, para que resulten máis motivadoras. Así, propoñemos desde sopas de letras ou encrucillados ata exercicios de asociación, de completar, de ordenar, cuestionarios, aforcados, descuberta de parellas…
  • autoavaliables: permiten coñecer as respostas e, a maior parte, outorgan automaticamente unha puntuación final.
  • atención á diversidade: ofrécense dous tipos de actividades de reforzo e/ou ampliación; por un lado, os exercicios interactivos aos que se accede desde a ligazón “facer máis” e, por outro, os integrados no apartado de “Materiais para imprimir”, que inciden máis na escritura creativa.
  • textos críticos e actuais: coa finalidade de fomentar a conciencia crítica do alumnado, púxose especial coidado na selección dos textos. En xeral, abordan situacións de discriminación, especialmente ás referidas á muller e á lingua.

O deseño xeral dos exercicios consta dos seguintes elementos:

  • título da actividade: indica o contido que estamos traballando e o número da actividade dentro dese contido (por ex. Coherencia 3); no caso de que sexa de reforzo/ampliación levará un signo + (por ex. +Coherencia).
  • instrucións para realizar a actividade: é moi importante lelas con calma e atención, para que se poida resolver con éxito.
  • corpo da actividade: con frecuencia consta de dúas partes, a lectura dun texto (na esquerda) e un exercicio sobre el (na dereita).
  • botóns da actividade: se as actividades non indican directamente se a resposta é correcta ou incorrecta, deberemos premer no botón “Comprobar respostas”. Algunhas tamén nos ofrecerán a posibilidade de obter axuda en “Pista” ou de coñecer a solución se non somos quen de resolvela en “Mostrar respostas”. Ás veces, establécese un tempo para a súa realización e inclúese un reloxo. Todo isto aparecerá explicado nas instrucións.
  • enlaces para reforzo/ampliación: cando se propoñen exercicios de reforzo/ampliación indícase debaixo do título co enlace “facer máis”.
  • botóns de navegación: todas as actividades conteñen un botón para pasar ao seguinte exercicio e outro para volver ao índice da parcela correspondente.
 
Orientacións metodolóxicas e temporalización
 


Entendemos que o labor do profesorado na aplicación práctica deste material presenta tres vertentes:

a) organizador dos recursos humanos e técnicos: segundo o grupo e os recursos determinarase se convén traballar individualmente ou en parella e, polo menos ao comezo, pode resultar máis práctico que teñan que ir todos/as ao mesmo ritmo para facilitar o traballo de seguimento do profesorado; isto permitiría aclarar dúbidas ou reforzar aspectos pouco claros despois de cada exercicio, aínda que o proceso resulte máis lento.
b) guía e supervisor das tarefas do alumnado: consideramos moi importante que o profesorado examine detidamente o conxunto do material antes da súa aplicación na aula e realice as actividades que se propoñen. Isto permitiralle familiarizarse co seu formato e contorno, anticiparse ás dificultades do alumnado, valorar o grao de complexidade e interese de cada exercicio e seleccionar as actividades que mellor se axusten ás necesidades do seu alumnado, incluíndo ou non as de reforzo/ampliación, entre outras cuestións. Tamén se recomenda que revise os “Materiais para imprimir” para darlles o uso que máis lle conveña.
c) avaliador do proceso de ensinanza-aprendizaxe: valorará o traballo do alumnado, pero tamén a adecuación do material aos obxectivos propostos inicialmente.

O deseño xeral do material permite moitas posibilidades á hora da súa aplicación na aula. Con todo, e dada a súa extensión, propoñemos traballar unha parcela por avaliación, ao que se lle engadiría a webquest como actividade de síntese-avaliación final de todo o proceso. Para cada parcela necesitaríanse entre 4 e 7 sesións. Obviamente isto pode variar moito en función dos coñecementos e as dificultades de cada grupo; ademais, cómpre ter presente que se o alumnado progresa adecuadamente non vai ser necesario que realice todas as actividades.

 
Avaliación
 

Como se sinalou anteriormente, avaliaremos os progresos do alumnado, mais tamén o propio material.
Suxerimos os seguintes procedementos para realizar a avaliación continua do alumnado:

1. A observación directa do alumnado, das súas dificultades, progresos e actitudes
2. A puntuación obtida ao final de cada actividade
3. Os resultados da proba de avaliación de cada parcela. Inclúese un enlace a unha páxina de valoración na que se lle recomenda ao alumno/a que repita as actividades se non obtivo máis do 50% da puntuación. Nese caso, cada docente deberíalle indicar que exercicios debe repasar despois de revisar o seu proceso de aprendizaxe.

Facilitamos un modelo de ficha de seguimento global do alumnado.

Como criterios de avaliación propóñense os seguintes:

•  Analizar e revisar textos escritos para garantir a súa coherencia, cohesión, adecuación e corrección.
•  Presentar correctamente os textos escritos.
•  Adquirir estratexias para mellorar as producións escritas.
•  Usar un léxico preciso, diversificado e non sexista.
•  Mostrar unha actitude crítica perante os usos linguísticos que supoñan calquera tipo de discriminación.
•  Coñecer e reflexionar sobre diversos aspectos da realidade relacionados con situacións discriminatorias.
•  Utilizar adecuadamente os recursos informáticos e outros medios para emendar erros e mellorar a expresividade e a precisión dos textos.

En canto á avaliación final de todo o proceso, realizarase mediante a webquest “Turistas de palabra”; nela detállanse os instrumentos e criterios necesarios.
Ademais de todo isto, haberá que avaliar a posta en práctica do propio material, realizando unha observación minuciosa das carencias e/ou dificultades conceptuais ou técnicas que puidese presentar.

 
Información técnica
 


Estas actividades interactivas están elaboradas con Hot Potatoes e con Ardora. O segundo emprega tecnoloxía Java, polo que, se non se ven adecuadamente, hai que realizar unha pequena e rápida instalación no equipo. Advírtese disto á entrada de cada parcela e facilítase o enlace necesario para a descarga.
Estas páxinas pódense ver nunha resolución de pantalla de 800x600 ou superiores; están comprobadas para os navegadores Internet Explorer e Mozilla Firefox.
Algúns exercicios conteñen arquivos .mp3 ou .au, polo que será necesario que os ordenadores dispoñan de reprodutores de son activados.
En xeral, procurouse ter en conta as recomendacións técnicas da Guía de boas prácticas publicada no portal educativo da Xunta de Galicia.