| |
Presentación
| |
HORTOGRAFÍA. O cultivo das palabras: un negocio con futuro é un material didáctico sobre expresión escrita. Foi elaborado entre setembro e decembro de 2007 durante unha licenza concedida pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
Está dirixido ao alumnado de 3º ou 4º de ESO, para ser aplicado nas aulas de Lingua galega e literatura ou no Ámbito sociolingüístico da Diversificación Curricular.
Consta de dúas partes diferenciadas: a primeira pretende dotar ao alumnado de coñecementos básicos e estratexias para corrixir e mellorar as producións escritas; está constituída por 80 actividades, interactivas e autoavaliables, e mais tres exercicios de avaliación. A segunda parte é unha aplicación práctica do aprendido na primeira e preséntase en forma de webquest. Con todo, cada unha das partes pode ser traballada de xeito independente, posto que ambas as dúas son autónomas.
|
| |
Obxectivos |
| |
Ademais de ter como finalidade contribuír á normalización da nosa lingua no ámbito do ensino e as novas tecnoloxías, este material traballa os seguintes obxectivos didácticos do currículo da segunda etapa de secundaria:
- Expresarse por escrito de xeito correcto, coherente, creativo e adecuado aos distintos contextos.
- Utilizar eficazmente a lingua na actividade escolar para buscar, procesar e analizar información e mais para redactar textos propios do ámbito académico.
- Empregar criticamente e con progresiva autonomía as TIC para obter, interpretar, elaborar e valorar informacións de diversos tipos e opinións diferentes.
- Aplicar con certa autonomía os coñecementos sobre lingua e as normas de uso lingüístico para escribir con adecuación, coherencia e corrección.
- Comprender as circunstancias que condicionaron a historia social da lingua galega, afirmándoa como propia de Galiza, así como as que hoxe condicionan o seu uso, de xeito que se estea en disposición de superar as que supoñen obstáculos para a súa utilización en calquera contexto ou situación.
- Analizar os diferentes usos sociais das linguas para evitar os estereotipos que supoñen xuízos de valor e prexuízos clasistas, racistas ou sexistas.
|
| |
Competencias básicas |
| |
Así mesmo, das competencias básicas que establece o currículo para esta etapa, incídese nas seguintes:
Competencia en comunicación lingüística: adquisición de destrezas que permitan un uso correcto e eficaz da lingua escrita en diversos contextos.
Competencia social e cidadá: comprensión crítica da realidade; adquisición de destrezas para compartir e respectar saberes e referencias culturais; mellora na práctica de normas sociais de convivencia e no emprego da negociación para chegar a acordos.
Competencia no tratamento da información dixital: emprego de ferramentas en soportes variados para mellorar as habilidades de obtención e transformación da información.
Competencia cultural e artística: coñecemento e valoración da diversidade cultural de Galiza en particular e do mundo en xeral.
Competencia para aprender a aprender: perfeccionamento das estratexias para localizar erros nas producións escritas e emendalos co fin de ofrecer unha información clara e efectiva.
Autonomía e iniciativa persoal: intervención en situacións de comunicación simuladas; localización e selección da información; uso crítico das TIC; emprego da linguaxe como ferramenta para analizar problemas, elaborar plans e tomar decisións.
|
| |
Contidos |
| |
Como xa indicamos, este material presenta dúas partes: un paquete de 80 actividades interactivas e unha webquest. Os contidos desta última detállanse no seu apartado Guía didáctica. Pola súa banda, os exercicios interactivos relaciónanse con tres ámbitos conceptuais: a gramaticalidade do texto escrito, a corrección léxica e as propiedades textuais. Concretamente, trátanse os seguintes contidos:
1. A gramaticalidade do texto escrito
- Selección da opción ortográfica correcta, localización e corrección de erros ortográficos
- Sopas de letras, encrucillados, aforcados ou actividades de asociación de palabras con dificultades ortográficas
- Asociación da teoría sobre signos de puntuación con exemplos concretos
- Puntuación de textos a partir duns determinados signos dados previamente
- Corrección do uso inapropiado de signos de puntuación
- Ditados
- Localización e corrección de erros morfolóxicos e sintácticos
- Reescritura de textos mellorando a orde e o tamaño das oracións
- Selección do nexo máis adecuado para cada oración
- Valoración da importacia dunha correcta ortografía e puntuación e mais da concordancia para a adecuada transmisión da información
- Interese por un uso correcto da sintaxe como mecanismo imprescindible para construír textos eficaces e intelixibles.
2. A corrección léxica
- Localización e substitución de impropiedades, imprecisións e comodíns
- Actividades para completar textos coas palabras adecuadas ao contexto
- Lectura de textos con léxico repetitivo e posterior reescritura facendo uso da sinonimia e hiperonimia
- Encrucillados e sopas de letras de antónimos e sinónimos
- Asociacións de definicións cos conceptos correspondentes
- Substitución de castelanismos polas formas galegas correspondentes
- Identificación do significado das frases feitas
- Localización e corrección de expresións sexistas
- Interese pola ampliación e enriquecemento do léxico para mellorar a comprensión das producións alleas e aplicalo nas propias
- Valoración da importancia do contexto para a correcta interpretación dos textos
- Valoración da importancia dun emprego adecuado, preciso e variado do léxico, tanto en textos propios como alleos
- Actitude crítica ante os usos incorrectos do léxico e especialmente os de signo sexista.
3. As propiedades textuais
- Estudo dos mecanismos de cohesión de textos diversos
- Localización dos erros de cohesión dun texto e posterior mellora, aplicando as estratexias aprendidas
- Identificación das estrutura dos textos e ordenación coherente da súa información
- Reposición coherente da información que falte nos textos propostos
- Identificación argumentada e análise do rexistro dun texto dado
- Conversión de textos de rexistro formal en informal e viceversa
- Localización e corrección das caídas de rexistro nun texto dado
- Análise e mellora da presentación de textos
- Valoración das funcións das distintas propiedades textuais na mellora e produción dos textos
- Valoración da importancia de utilizar o rexistro adecuado en cada situación comunicativa
- Actitude crítica diante das expresións ou palabras que conleven calquera tipo de discriminación.
|
| |
Estrutura |
| |
As actividades interactivas repártense en tres “parcelas” establecidas arredor das propiedades textuais; cada parcela inclúe tamén exercicios sobre corrección gramatical e léxica, ademais de arquivos coa información teórica necesaria, e finaliza cun cuestionario de síntese-avaliación. Están ordenadas por nivel de complexidade e, para os contidos básicos, ofrécese a posibilidade de realizar actividades de reforzo e/ou ampliación.
Este material dixital complétase cun apartado de “Materiais para imprimir” que contén: propostas de actividades de reforzo/ampliación para que o alumnado as realice en papel e as entregue, os arquivos de información teórica e mais os textos utilizados para os distintos exercicios. En canto á segunda parte, a webquest “Turistas de palabra”, presenta a estrutura habitual destes instrumentos didácticos: introdución, tarefa, proceso e recursos, avaliación, conclusión e guía didáctica para o profesorado. Toda a información necesaria e as suxestións para aplicala están xa explicadas nela.
A distribución dos contidos pódese ver con detalle en Índice de actividades, mentres que en Suxestións para o profesorado fornécense unha serie de pautas para traballar e avaliar este material.
|
| |
|
| |
|
|
|
|