Corrección léxica: linguaxe non sexista 2


Le atentamente a noticia da esquerda e despois responde o cuestionario da dereita. Se necesitas axuda podes acudir a "Pista", pero perderás puntuación. Ao que remates fai clic en "Comprobar respostas".

"O galego retrocede nos xornais máis subvencionados"

O uso do galego nos diarios impresos do país segue a ser “moi baixo” malia as subvencións que reparte a Xunta entre as editoras de xornais todos os anos. Así o denuncia un informe elaborado por alumnos de Xornalismo da Universidade de Santiago e publicado na revista da Mesa Pola Normalización Lingüística.
O estudo conclúe que só o 7,9% do espazo nos xornais está na lingua do país. É máis, a súa presenza nos espazos máis importantes -portada e contraportada- é case nula. Os investigadores, baixo a coordinación da profesora Ana Boullón, acharon que “os xornais con máis difusión, La Voz de Galicia e Faro de Vigo, son dos que menos a empregan (4,8% e un 5,3%, respectivamente)”.
Noutras publicacións analizadas -DXT Campeón (0,8%), El Ideal Gallego (2,9%), El Correo Gallego (4,1%), El Progreso (4,6%), Diario de Pontevedra (4,8%)- a situación non é mellor. La Región (8,1%), Diario de Ferrol (9,9%), La Opinión da Coruña (11,7%), Atlántico Diario (14,1%), Diario de Arousa (24,3%) presentan índices un chisco máis positivos.

Canto cobran por publicar un pouco en galego?
As axudas que dá a Xunta a estes medios por publicar en galego é outro dos puntos polémicos do estudo. Os autores denuncian “a falta de transparencia dos datos das subvencións” , aos que non tiveron acceso “nin preguntando directamente nas instancias da Xunta nin pescudando polo DOG”.
Os únicos datos que lograron proceden dunha convocatoria da Consellería de Educación en 2005, que representa unha pequena parte das axudas totais, moitas repartidas dende a Presidencia da Xunta. Curiosamente as empresas que recibiron máis cartos de Educación -o Grupo Voz, que obtivo 600 000 euros e Editorial Compostela, matriz de El Correo Gallego e Galicia Hoxe, que logrou case un millón- reduciron o uso do idioma propio nos últimos anos. [...]

Campaña de presión
A revista da Mesa tamén publica unha listaxe de enderezos das seccións de cartas ao director destes medios para solicitar un maior uso do galego.
Os autores do artigo na revista Longa Lingua foron os alumnos Ana Ábad, Déborah Castro, Tania Alonso, Ildara Enríquez, Manuel González, Moisés Martínez, Duarte Romero, Ricardo Saavedra, Verónica Sanmarco e Manuel Turnes.

Galicia Hoxe, 30-5-2007