Comezar cos exercicios
   
   

A linguaxe non sexista

Le detidamente o seguinte texto:

Ninguén ten gana de dar clase. Rematamos os exames e só nos apetece parolar, rir, armar bulla… Menos mal que Ramos, o profesor de ciencias, xa o supuxera e pasa a clase léndonos noticias do xornal e, despois, pídenos que llas comentemos.
–Ei, rapaces! Fixádevos nesta noticia.
E le: “Demostrouse que os monos novos que dedican moito tempo a xogar teñen o sistema inmunolóxico en mellores condicións e, polo tanto, póñense menos enfermos que os que non xogan. Os científicos pensan que, seguramente, no caso dos nenos pasa o mesmo.”
–Unha noticia estupenda! –di Elisenda, que sempre lacazanea para prolongar o tempo de recreo–. Creo que deberiamos esixirlle á dirección do colexio que intercale máis anacos de lecer durante o día.
–E que? –contesta Raúl–. A ti non che afectaría iso. Ramos dixo que pasa cos monos e se cadra cos nenos, non coas femias de mono e as nenas.
–Ah! –soltamos todas as da clase, mirándonos desanimadas.
–Pero, Ramos, ti dixeches: “Mirade, rapaces”. E nós pensamos que te referías aos rapaces e ás rapazas.
–Ben, neste caso, referíame aos rapaces, porque a noticia eu tamén a entendo coma eles: referida a monos e aos humanos de sexo masculino.
Riiiiiiing! O timbre do final das clases.
Vaia, xa era hora!!
Poñémonos a alborotar freneticamente. Ramos enfádase.
–Calade! –berra.
A primeira vez non lle facemos caso. A segunda:
–Calade ou fágovos vir o primeiro luns das vacacións a traballar ao colexio!
Ameaza superefectiva. Calamos inmediatamente.
–E agora, rapaces, –di Ramos en ton normal– poñédevos en fila.
Os rapaces érguense e póñense en fila para saír da aula. As rapazas continuamos sentadas. Ramos míranos coma se estiveramos na verza.
–Que vos pasa a vós?
–Nada –responde Mireya, mirándoo coma se fose el o que estivese na verza.
–E por que non vos levantades, se pode saberse?
–Porque dixeches “rapaces”! –berramos á vez sen necesidade de poñernos de acordo.
–Pero esta vez referíame aos rapaces e ás rapazas.

Gemma Lienas: O diario violeta de Carlota , El Aleph, 2007 (tradución)

A situación que se narra neste fragmento é un exemplo de emprego sexista da linguaxe.
En que consiste a linguaxe sexista? En utilizar palabras ou estruturas discriminatorias, aínda que gramaticalmente non son incorrectas. Por exemplo: realizamos un uso sexista da lingua cando nomeamos só en masculino ou só en feminino determinadas profesións, ocultando que son exercidas polos dous sexos (médico, avogado fronte a enfermeira ou limpadora...); ou cando nos diriximos en masculino a un público integrado por homes e mulleres (como ocorre no texto cando o profesor quere referirse ao conxunto do alumnado pero só di “rapaces”).

Que importancia ten isto? Dado que a lingua é o medio que empregamos para nos comunicar, ela é o reflexo e o mecanismo de transmisión do que pensamos, sentimos e facemos todas as persoas. A lingua non é sexista, pero si o pode ser o uso que nós fagamos dela se cando nos expresamos só mencionamos o relacionado cos homes e ocultamos as capacidades e funcións das mulleres na sociedade. Calquera uso dun idioma que invisibiliza as mulleres debe ser rexeitado a favor, na medida do posible, de formas non sexistas de expresión.

Como podemos facer, entón, para non ocultar a ninguén e, ao mesmo tempo, empregar correctamente a lingua? Pois seguramente verías máis dunha vez que algunha xente acode á arroba (@s moz@s, por ex.), pero non se recomenda porque non é un signo lingüístico e, ademais, cando hai que ler unha palabra, como se pronuncia? Non obstante, contamos con varias posibilidades:

•  Empregar os dous xéneros e a flexión de xénero sempre que sexa posible: as rapazas e os rapaces; o xuíz, a xuíza. Lembra o explicado anteriormente sobre a formación do feminino para profesións e cargos (ver).
•  Empregar substantivos colectivos ou abstractos: o alumnado, o profesorado, as persoas interesadas.
•  Empregar as barras: A/o alumna/o. Esta posibilidade debemos tratar de usala unicamente cando non teñamos outra alternativa.

Deseguido ofrecémosche unha listaxe de alternativas recomendables:  

FORMA NON RECOMENDABLE

FORMA RECOMENDABLE

o director do centro

a dirección do centro

o home

os seres humanos, a humanidade

o interesado

as persoas interesadas

o xefe de estudos

a xefatura de estudos

os afeccionados

a afección

os afectados

as persoas afectadas

os alumnos

o alumnado

os cidadáns

a cidadanía

os galegos

o pobo galego

os inmigrantes

a poboación inmigrante

os maiores

as persoas maiores, a xente maior

os mozos

a mocidade, a xente nova

os nenos

a infancia

os pais

as nais e pais

os profesores

o profesorado

os solicitantes

as persoas que o soliciten

os traballadores

as persoas traballadoras, o persoal

os veciños

a veciñanza