Comezar cos exercicios
   
   

A presentación

Os textos escritos en rexistro formal deben cumprir unha serie normas de presentación, tanto se escribimos á man coma se empregamos o ordenador.

1. Textos manuscritos

Neste tipo de textos hai que ter moi presentes as seguintes normas:

a) Caligrafía: debe ser clara, para non complicar a lectura do texto. Polo tanto, debes evitar:

- a letra demasiado pequena
- escribir as palabras xuntas de máis
- escribir de xeito moi semellante as letras n e m ou n e u, porque provocan confusións
- non distinguir maiúsculas de minúsculas. Se aínda tes dúbidas sobre o seu emprego podes repasalo aquí
- non diferenciar os tiles dos puntos da letra i.

b) Limpeza do texto, sen manchas, riscaduras nin borróns.

c) Disposición do texto:

- marxes: un escrito ben presentado debe ter catro marxes (arriba, abaixo, á esquerda e á dereita).
- parágrafos: deben estar ben delimitados; podes comezalos cun sangrado (pequeno espazo no comezo da liña), aínda que non é indispensable.
- títulos e apartados: cómpre que se distingan perfectamente. Pon os títulos centrados na páxina e os apartados ordenados por medio de letras ou números. Para destacalos usa as maiúsculas e/ou o subliñado.
- paxinación: numera as páxinas cando se trate dun escrito longo.
- segmentación das palabras: realiza adecuadamente a partición das palabras cando chegues ao final da liña. Recorda as seguintes normas:
1. Os dous elementos dun dígrafo non se poden separar: re-chamante, algu-nha.
2. Evita que quede soa unha vogal no comezo ou no final da liña: *a-facerse, *fíxo-o. Polo tanto, recorda que a forma unha non se debe dividir nunca.
3. Cando hai dúas vogais xuntas só se poden separar se forman hiato, pero non nos ditongos: *despo-is, ra-íña.

d) Estrutura dun traballo longo: polo xeral, debe constar das seguintes partes:

1. Portada: nela deben figurar o título e o nome das persoas que o realizaron (como mínimo). Recorda que non se colocan puntos nin despois do título nin da lista de nomes.
2. Índice
3. Corpo do traballo
4. Bibliografía: é unha relación alfabética dos datos completos dos libros, artigos e/ou sitios web que consultaches para a súa realización. Nunha cita bibliográfica deben figurar, cando menos, os seguintes datos: autor/a, título, editorial e ano. É indispensable que o título da obra vaia subliñado (en cursiva cando escribes cun ordenador). Existen varios modelos de citas e son diferentes se nos referimos ao libro enteiro ou a un artigo ou relato del. Nós estamos empregando un dos sistemas de citación máis estendidos:
Sende, Séchu: Made in Galiza, Galaxia, 2007
Sende, Séchu: "Unha palabra común", Made in Galiza, Galaxia, 2007

2. Textos con ordenador

Se utilizas un procesador de textos para transcribir un traballo, debes aplicar estas normas:

a) Os tipos de letra ou fontes: cando selecciones a fonte procura, ante todo, que sexa clara e de fácil lectura; canto máis redondeada sexa, máis agradable será para a vista. A máis común é a Times New Roman de tamaño 12. Este adoita ser un tamaño cómodo para a lectura, pero debes ter en conta que non é igual para todos os tipos de letra; por exemplo, unha Arial 12 é máis grande ca unha Times New Roman 12. Evita mesturar distintas fontes nun mesmo escrito e emprega diferentes tamaños para organizar a información.

b) Letra redonda, cursiva, grosa e subliñado: todos os tipos de letra poden aparecer destas catro maneiras, pero os seus usos non son arbitrarios. Como normal xeral, a que debes empregar é a redonda (esta que estás lendo agora). A cursiva úsase para palabras estranxeiras, para os exemplos nas explicacións lingüísticas, para citas e, como xa indicamos, para os títulos de obras de arte ou xornais; non cómpre abusar dela porque é máis difícil de ler. A letra grosa utilízase para os títulos e subtítulos e mais para destacar palabras de especial interese no texto; tampouco se debe usar en exceso porque, se marcamos todo, perde a súa función inicial e mesmo pode resultar molesta. O subliñado, finalmente, case non se emprega, dado que a súa función de salientar adoita realizala a grosa; ademais, nos textos que circulan pola rede o seu uso está asociado aos enlaces. En todo caso, debemos evitar utilizar dous recursos que cumpran o mesmo papel, por exemplo, subliñar un texto que xa está en letra grosa ou poñer entre comiñas unha cita que xa leva cursiva.

c) Aliñación dos textos e marxes: podemos escoller entre aliñar o texto á esquerda, á dereita, centrado ou xustificado. O máis habitual é a aliñación xustificada, é dicir, coas liñas axustadas nas dúas marxes. Para os títulos é moi útil a aliñación centrada. Nas marxes tamén podemos elixir o tamaño: a máis pequena é a da dereita, pero non debe ser menor de 1,5 cm; as outras tres (arriba, abaixo e esquerda) aconséllase que non sexan inferiores a 2,5 cm.

d) As separacións: coñécese co nome de entreliña o espazo que hai entre as liñas dun texto. O espazo mínimo aconsellable é 1,5, aínda que nalgúns textos especifícase que deben ser entregados a dobre espazo; este sería o máximo recomendado. Por outra parte, o espazo existente entre o título e o corpo do escrito debe ser maior có da entreliña (fíxate neste mesmo texto que estás lendo).
Tamén podes regular o espazo entre os parágrafos. Lembra que podes comezar cada parágrafo cun sangrado, aínda que esta práctica é cada vez menos frecuente.

e) Segmentación das palabras: cando se usa un procesador de textos non se fai a partición das palabras ao final da liña, porque xa se axustan automaticamente ao ancho da páxina e permanecen sempre enteiras.

f) Paxinación: non esquezas introducir os números de páxina nos traballos longos. Tamén podes escoller onde colocalos (arriba, abaixo, á dereita e á esquerda), pero o máis habitual é que figuren abaixo á dereita.

g) Elaboración de listaxes: os procesadores de textos permiten elaborar automaticamente relacións de elementos cun formato numerado ou con outros símbolos (puntos, trazos...), que son moi útiles para a elaboración de índices.


   
   
  Comezar cos exercicios