|
||||||||||||||||||
A corrección morfolóxica 1. As concordancias A concordancia consiste na coincidencia das categoría gramaticais (xénero, número, tempo e persoa) nas palabras que están relacionadas entre si. Lembra que: - O suxeito ten que concordar en número e persoa co predicado: As rapazas e rapaces estiveron de acordo coa proposta dunha excursión á neve. No entanto, aínda que o suxeito sexa un substantivo colectivo, o predicado debe manterse en singular, dado que o suxeito formalmente segue sendo un singular: O grupo estivo de acordo coa proposta dunha excursión á neve. Unicamente no caso de que o substantivo leve un complemento que especifique os elementos que o compoñen podemos admitir as dúas posibilidades, a concordancia formal (O grupo de rapazas e rapaces estivo de acordo coa proposta dunha excursión á neve) e a concordancia polo sentido (O grupo de rapazas e rapaces estiveron de acordo coa proposta dunha excursión á neve). - Os adxectivos concordan en xénero e número cos substantivos cos que se relacionan; cando se refiren a máis dun substantivo teñen que ir en plural: Regaláronlle un libro e un CD preciosos. Cando os substantivos teñan distinto xénero, a concordancia realízase en masculino plural: Regaláronlle un libro e unha película preciosos; nestes casos pódese alterar a orde dos elementos, colocando o masculino ao final para que a concordancia resulte menos brusca: Regaláronlle unha película e un libro preciosos. Hai que prestar especial atención aos substantivos que presentan un xénero diferente ao do castelán e non esquecer as concordancias correspondentes. Daquela, tanto *Ata os paxaros estaban hoxe abafados con este calor de outubro, xa tan inesperado coma *Ata os paxaros estaban hoxe abafados con esta calor de outubro, xa tan inesperado serían formas incorrectas por Ata os paxaros estaban hoxe abafados con esta calor de outubro, xa tan inesperada. Ademais disto, para evitarmos o emprego de linguaxe sexista, imos repasar a formación do feminino para aquelas ocupacións e profesións que tradicionalmente só eran desempeñadas por homes; esta situación provoca que moitas veces teñamos dúbidas sobre a formas gramaticais femininas correctas. As regras xerais son as seguintes:
3. Artigos e pronomes - As palabras de xénero feminino levan sempre artigo a, aínda que comecen por esta mesma vogal; polo tanto, a aula, a acta, a auga ou a alma e non *o aula, *o acta, *o auga ou *o alma. - Hai que ter coidado coa distinción entre as formas lle/lles, sen esquecer a variación de número: Á rapaza gustoulle a proposta de excursión á neve / Ás rapazas gustoulles a proposta de excursión á neve. - Cómpre ter coidado tamén con verbos que, por influxo do castelán, se empregan co pronome de CI cando lles corresponde o de CD. Fíxate nos seguintes exemplos:
4. Indefinidos - A forma elo non existe en galego; no seu lugar debemos empregar isto: *Debido a elo, os prezos do leite aumentaron desmesuradamente / Debido a iso, os prezos do leite aumentaron desmesuradamente. - As formas mesmo/a, mesmos/as non se poden empregar con valor pronominal. Oracións coma *Explica a importancia do Grupo Nós e cita tamén os integrantes do mesmo deben ser redactadas como Explica a importancia do Grupo Nós e cita tamén os seus integrantes. - As formas ambos/as teñen que levar sempre artigo antes do substantivo ao que acompañen: En ambos os casos, a solución atopouse falando abertamente. - Nas oracións negativas non se poden empregar os indefinidos positivos algún, algunha, algúns, algunhas: *Non tiña dúbida algunha de que o farías moi ben debe ser corrixido por Non tiña ningunha dúbida de que o farías moi ben. - Calquera é unha forma única e invariable; xa que logo, non son correctas *calqueira, *calquer ou os seus plurais teóricos: Calquera rapaz o faría mellor ca ti. Acaba rápido, dálle uns papeis calquera. - As formas algún, algunha, algúns e algunhas contraen coa preposición de (dalgún, dalgunha, dalgúns, dalgunhas), pero non sucede o mesmo con algo (*dalgo): Sempre ten queixas dalgún que vén falando de algo que non lle gusta. 5. Verbos - O infinitivo nunca pode ser o verbo principal dunha oración, sempre ten que ser introducido por outro: *En relación a Castelao, dicir tamén que o seu labor foi moi importante a nivel político debe ser redactado En relación a Castelao, cómpre / hai que dicir tamén que o seu labor foi moi importante a nivel político. - A construción a+infinitivo con valor de futuro non é correcta: *O texto a comentar é un poema de Carlos Negro pode substituírse por O texto que imos comentar é un poema de Carlos Negro ou O texto para comentar é un poema de Carlos Negro.
|
||||||||||||||||||