A adecuación
A adecuación dun texto consiste na elección da variedade de lingua axeitada a cada situación comunicativa. Debemos adaptar o tipo de lingua que empregamos segundo as persoas ás que nos diriximos, o lugar e momento en que esteamos ou a canle de comunicación que utilicemos. Non escribimos igual unha mensaxe de móbil ca unha carta para as nosas amizades: usamos distintas canles e acomodamos a lingua a elas. Agora fíxate no seguinte texto:
De camiño á casa da súa avoa, Carapuchiña Vermella viuse abordada por un lobo que lle preguntou que levaba na cesta.
-Unhas saudábeis
viandas para a miña avoa, quen, sen dúbida ningunha, é quen de coidar de si mesma como persoa adulta e madura que é -respondeu.
-Non sei se sabes, querida -dixo o lobo-, que é perigoso para unha rapaciña percorrer soa estes bosques.
Respondeu Carapuchiña:
-Encontro esa observación sexista e extremadamente insultante, pero farei caso omiso dela debido á túa tradicional condición de proscrito social. E , agora, se me desculpas, debo continuar o meu camiño.
James Finn Garner: Carapuchiña Vermella
A Carapuchiña deste texto non se expresa como acostuman facelo as rapazas da súa idade nin se emprega un vocabulario adecuado a un conto infantil. Neste caso, a inadecuación foi buscada a propósito polo autor para propiciar a nosa reflexión.
Por outra parte, se o teu profesor ou profesora chega á clase e di: "A ver ghichiños, poñédevos a currar a toda pastilla!! Que estou ata as orellas de vervos todo o santo día rascando a barriga!!", quedaredes sorprendidos porque as súas palabras non se adecuan ao nivel de formalidade habitual dunha aula; non obstante, esa mesma persoa pode empregar este tipo de lingua, por exemplo, tomando un café coas súas amizades.
Daquela, debemos aprender a seleccionar o rexistro adecuado a cada situación comunicativa. A grandes trazos, falamos de dous tipos de rexistro:
-
Rexistro formal: é o empregado, por exemplo, nas conferencias, nos telexornais, na maior parte da literatura... e é o que ti debes empregar nos teus traballos de aula.
-
Rexistro informal ou coloquial: é o que utilizamos a maior parte do tempo na nosa vida cotiá coas amizades e con persoas de confianza.
Cada un deles presenta características propias:
Rexistro formal |
Rexistro informal |
Información ben seleccionada e organizada |
Adoita repetirse a información |
Corrección morfosintáctica |
Problemas de concordancias e oracións sen rematar |
Tecido sintáctico ben construído con emprego de oracións compostas |
Tendencia a usar oracións simples ou abuso das coordinadas con e |
Riqueza léxica con uso de sinónimos e hiperónimos |
Léxico repetitivo |
Léxico preciso, mesmo con emprego de vocabulario especializado |
Utilización de palabras comodín, frases feitas, expresións de apoio e xergas |
Ton impersoal e máis distante; tratamento de vostede |
Ton próximo aos interlocutores: tratamento de ti, vocativos, pronomes de solidariedade, diminutivos e abundantes interrogacións e exclamacións. |
Deberás evitar, polo tanto, que nos teus traballos apareza calquera destes trazos dos rexistros informais.