As impropiedades léxicas
A impropiedade léxica consiste no emprego erróneo dunha palabra porque se lle atribúe un significado que non é o seu propio. Débese, fundamentalmente, a dúas causas: os termos confúndense porque posúen significados similares ou porque se parecen fonicamente.
Por exemplo, en Semella que o exército americano aínda non vai abandonar Irak, o termo americano está mal utilizado, dado que no seu lugar debería figurar estadounidense.
Por outra banda, na oración Nas reunións da empresa a opinión das mulleres era sempre desprezable, ninguén a tiña en conta, o vocábulo desprezable úsase equivocadamente no canto de desprezada.