|
|||||||
A coherencia A coherencia é a propiedade que se refire á selección e organización da información. Cando producimos un texto debemos facernos entender dicindo o que queremos dicir. Para iso, o noso texto ten que "ter sentido", isto é, ten que ser coherente. A información que queiramos transmitir ten que cumprir, polo tanto, unha serie de requisitos: - Estar relacionada, é dicir, ten que tratar do mesmo tema. Por iso ao longo do texto teremos repeticións dos seus elementos. - Ser completa e suficiente: non poden quedar lagoas. - Pero non ser redundante: non debemos repetir o xa exposto nin "meter palla", ou sexa, datos innecesarios. - Non pode ser contraditoria: non podemos afirmar algo e expresar o contrario no parágrafo seguinte. - Debe estar organizada de xeito lóxico, agrupando as diferentes ideas en parágrafos. A medida que avance o texto iremos introducindo progresivamente ideas novas. - Debe ser clara e estar exposta de xeito comprensible e sen rodeos. Non todos os textos teñen o mesmo tipo de organización, é dicir, de estrutura, que depende das situacións comunicativas. Nalgúns casos, a estrutura xa vén determinada polo tipo de texto (por exemplo, nas cartas). En xeral, podemos dividir un texto en tres partes: presentación do tema, desenvolvemento e conclusión. Daquela, se responde a esta estrutura será aconsellable que conste de tres parágrafos, como mínimo. |
|||||||
|