Comezar cos exercicios
   
   


A corrección sintáctica

Para redactar un texto correcto desde o punto de vista sintáctico debes prestar especial atención a tres cuestións: a orde das palabras, o tamaño das oracións e mais os nexos.

1. A ORDE

A orde habitual das oracións é SUXEITO, PREDICADO e COMPLEMENTOS. Non obstante, podemos alterala basicamente por dúas razóns:

a) estilísticas: é o que se denomina hipérbato, por exemplo nestes versos de Daniel Salgado:

Fire a coitelada
de non dar comprendido
nada,

o xornal.

b) ou porque nos interese destacar determinada información colocándoa ao comezo: Berenxenas era o que quería e non cabaciña.

Con todo, debes mostrar especial coidado cos cambios da orde habitual, xa que poden alterar o significado da oración ou xerar informacións confusas. Por exemplo: A mestra faloulles aos nenos de Romanía. Nesta oración non sabemos con seguridade se a mestra lles falou aos nenos sobre Romanía ou se o que fixo foi dirixirse a un grupo de nenos procedentes de Romanía. Daquela, non separes innecesariamente as palabras que están directamente relacionadas entre si, de modo que escribiriamos A mestra faloulles de Romanía aos nenos se queremos expresar inequivocamente a primeira idea.

Os complementos circunstanciais teñen moita mobilidade: poden colocarse ao comezo da oración, separados por unha coma; ao final ou no medio da oración. Pero evita que a súa posición provoque confusións: Os médicos alertan sobre un virus que pode afectarlles aos nenos e nenas hoxe. Mellor sería: Hoxe, os médicos alertan sobre un virus que pode afectarlles aos nenos e nenas.

2. O TAMAÑO

Un texto integrado unicamente por oracións breves pode resultar difícil de interpretar porque non se expresan as relacións que se establecen entre elas. Pola contra, as oracións excesivamente longas tamén poden escurecer o sentido do texto, ademais de resultar máis complexo escribilas sen erros. Polo tanto, debes procurar combinar os dous tamaños, pero lembra que as oracións máis extensas non deberían superar as 30 palabras. Para poñer en práctica esta recomendación deberás usar adecuadamente os signos de puntuación e mais os nexos. Fíxate no seguinte parágrafo:

A paixón dos mozos xaponeses pola roupa de marca chegou a un extremo que preocupa ás autoridades xa que é crecente o número de atracos xuvenís cun móbil que non é conseguir cartos ou xoias senón o botín máis prezado dos adolescentes, que é unhas zapatillas de deporte de marca.

Utilizando os signos de puntuación poderíase modificar o tamaño das oracións e alterando a orde dos elementos a información sería máis clara:

O número de atracos xuvenís en Xapón está crecendo a causa da paixón da mocidade pola roupa de marca. As autoridades están preocupadas. Agora, o móbil destes atracos non é cartos nin xoias, senón unhas zapatillas de marca, o botín máis prezado das persoas adolescentes.

Ademais, canto máis longa sexa unha oración máis posibilidades terás de cometer erros coma o anacoluto, que consiste na ruptura sintáctica da oración, ben porque falte unha parte ben porque non haxa correspondencia entre as dúas partes. Este erro é frecuente con oracións de relativo: *Os obreiros que estaban abrindo a rúa para instalar o cableado de fibra óptica e que xa levan dúas semanas traballando; esta oración está incompleta porque non ten verbo principal, os verbos que aparecen pertencen ás oracións subordinadas de que, de maneira que non sabemos "que lles pasou" a eses obreiros. Teriamos que completar a oración, por exemplo: Os obreiros que estaban abrindo a rúa para instalar o cableado de fibra óptica e que xa levan dúas semanas traballando remataron hoxe, por fin.

2. OS NEXOS

Son as clases de palabras que serven para enlazar os diversos compoñentes dunha oración: preposicións, locucións preposicionais, conxuncións e locucións conxuntivas. Debemos procurar usalos con precisión (por ex. un medicamento contra a gripe e non *un medicamento para a gripe) e diversidade (por ex., evitando a reiteración da conxunción e ou do relativo que).

E n relación ao uso dos relativos, cómpre lembrar as seguintes pautas para evitarmos erros:

1. Relativo onde: só se pode empregar con antecedente de lugar e non admite preposición en (*en onde).
2. Relativo quen: é invariable, non ten plural (*quenes). Se nos interesa marcar os plural deberemos empregar os que / as que.
3. Relativo cuxo/a, cuxos/as: é normativo, pero é unha forma culta, de xeito que se debe empregar en contextos formais ou moi formais.
4. Relativo o cal/a cal: non son usuais precedidos de preposición en: Vendeu a casa na cal naceu, mellor Vendeu a casa onde naceu ou Vendeu a casa na que naceu.
5. Cando pertencen a unha frase preposicional dependente dun verbo, non cómpre esquecer a preposición: *As rapazas que che falei onte non é correcto porque o verbo falar esixe neste contexto a preposición de; daquela: As rapazas das que che falei onte ou As rapazas de que che falei onte (son correctas as formas con ou sen artigo nestes contextos: de que ou das que, en que ou no que).

 

   
   
  Comezar cos exercicios