Comezar cos exercicios
   
   

A cohesión
A

O dicionario define o termo cohesión como "acción e efecto de xuntarse ou adherirse cousas entre si". Efectivamente, para obtermos un texto temos que ir "xuntando" as palabras e as ideas ata construílo. A cohesión textual é a propiedade mediante a cal se relacionan os diversos elementos que compoñen un texto.

1. Mecanismos de cohesión

Para establecermos relacións entre os distintos elementos dun texto contamos cos seguintes mecanismos de cohesión:

a) Enlaces léxicos

- Repetición das mesmas palabras. Nun texto é necesario que se repitan palabras porque se non carecería de sentido, de coherencia; con todo, cómpre ter coidado porque un abuso dos mesmos termos, en xeral, é indicio de pobreza léxica. Os textos literarios son un caso á parte, posto que neles as repeticións perseguen fins estilísticos (salientar un determinado concepto ou crear ritmo, por exemplo).

- Sinónimos, antónimos e hiperónimos. Se necesitas repasar o que xa explicamos sobre eles podes premer aquí .

b) Enlaces anafóricos e catafóricos

Recollen o mencionado ou anuncian o que se vai dicir. Son os pronomes, os adverbios e os determinantes.

c) Nexos

Son as preposicións, locucións prepositivas, conxuncións e locucións conxuntivas. Para revisar o explicado sobre eles, particularmente sobre os relativos, podes facer clic aquí.

d) A puntuación

Nos textos escritos, como veremos na parcela seguinte, o uso correcto dos signos de puntuación é fundamental para que a mensaxe poida ser interpretada axeitadamente, ata o punto de que o significado dun texto pode cambiar por completo debido á súa presenza ou ausencia.

Repara agora nalgúns exemplos de mecanismos de cohesión destacados neste texto:

repetición dunha palabra
antónimos
hiperónimos

pronomes, adverbios, determinantes
preposicións e conxuncións

Eu só son unha palabra común. A miña vida podía ir mellor ou tamén peor. Gústanme os diminutivos afectivos e non me levo nada mal cos números. Nacín aquí, hai xa bastantes anos, e as cousas desde que eu era unha palabra nova cambiaron moito. En fin, que estou para o que faga falta. Aprendín moi cedo que son única, que ningunha outra palabra pode substituírme, como nos pasa a todas as palabras do mundo.
Coñecín moitas palabras que desapareceron e todos os días me cruzo na rúa con algunha que acaba de nacer.
Mais hai uns quince días sucedeume algo preocupante. Acababa de acordar e estaba saíndo da ducha cando soou o timbre da casa. Vestinme apurada e abrín a porta. Cando vin que era un castelanismo fechei a porta con medo. E respirei fondo.

Séchu Sende: "Unha palabra común", Made in Galiza, Galaxia, 2007.

2. Problemas habituais relacionados coa cohesión

a) Léxico repetitivo e pobreza léxica: soluciónase empregando pronomes, sinónimos, hipéronimos e antónimos. Para enriquecer o léxico pódense engadir adxectivos.

b) Conxuncións inadecuadas ou abuso das mesmas, con frecuencia e, pero ou que. Para solventar a reiteración da conxunción copulativa podemos acudir á puntuación ou, se é posible, cambiala polo nexo subordinante que conveña; por exemplo, para mellorar a cohesión da oración Nunca poñía o espertador e quedaba durmido e sempre chegaba tarde á escola, temos diversas opcións: Nunca poñía o espertador, quedaba durmido e sempre chegaba tarde á escola sería a máis sinxela, pero existen outras posibilidades: Nunca poñía o espertador polo que quedaba durmido e sempre chegaba tarde á escola ou Como nunca poñía o espertador, quedaba durmido e sempre chegaba tarde á escola ou Sempre chegaba tarde á escola porque quedaba durmido dado que nunca poñía o espertador.

Deseguido presentámosche un cadro cos nexos subordinantes máis usuais (polo tanto, os que máis se repiten) e as posibles alternativas para cada caso:

Tipo de nexo
Nexo habitual
Outros nexos
Adversativos
pero
mais, así a todo, senón, non obstante, porén, no entanto, con todo
Concesivos
aínda que
a pesar de que, malia que, ben que, mesmo que
Condicionais
se
como, con tal que, en caso de que, sempre que
Causais
porque
xa que, posto que, dado que, a causa de que, por mor de, pois
Consecutivos
polo tanto
tan/tanto...que, así que, de modo que, de xeito que, de maneira que, daquela, por conseguinte, xa que logo

Non esquezas que non son normativos os nexos *sen embargo e *anque; no lugar do primeiro usaremos porén, no entanto ou non obstante e para substituír o segundo serviranos calquera dos concesivos.

   
   
  Comezar cos exercicios