Luns
Esta nova criatura de cabelo longo non anda máis ca a marearme. Sempre zangoneando ao meu arredor e seguíndome a todos os sitios. Non me gusta que o faga. Non estou afeito a ter compaña. Oxalá se quedara cos outros animais...
Hoxe está cuberto, con vento do leste. Penso que teremos auga... ¿Nós? ¿De onde saquei eu esta palabra? Xa recordo. Úsaa a nova criatura.
Martes
Estívenlle botando unha ollada á facenda. A nova criatura chámalle o “Xardín do Edén”. ¿Por que? A verdade é que non o sei. Ela di que isto aseméllase ás Cataratas do Niágara. Esa non é unha razón. É só un capricho, unha fatada. Non tiven a mínima oportunidade de poñerlle nome a nada. A nova criatura ponlles nome a todas as cousas, antes de que eu poida abrir a boca. E sempre pon a mesma escusa: o nome aseméllase á cousa. [...]
Mércores
Construín un refuxio para abeirarme da chuvia, pero aínda non puiden gozar del en paz. Coma sempre, apareceu a nova criatura. Cando tentaba botala fóra, ela deu en verter auga polos furados cos que mira, os de diante da cabeza, e enxugounos co revés da súa pouta, facendo un ruído coma o que fan algúns outros animais cando están en perigo. Gustaríame que non falase tanto pero ela sempre está que se tumba e que se derrumba. Isto parece un sarcasmo malvado para coa nova criatura, un desprezo, pero tanto me ten. Eu nunca antes oíra voz humana e calquera son novo ou estraño que irrompa aquí sobre o solemne silencio desta soidade de soño ofende o meu oído e seméllame unha falsa nota.
Mark Twain: Retallos do diario de Adán, Edicións Positivas, 1992.